venres, 25 de abril de 2014

SENDEIRISMO: Planificación de rutas, consellos prácticos para as mesmas, e a marcha en montaña



En pouquiño tempo temos unha actividade que complementa a nosa formación no ciclo. Trátase dunha saída de dous días ou Caurel, para, entre outras cousas, como realizar veladas nocturnas, realizar rutas de sendeirismo.

Este é un deporte que me gusta especialmente, por iso, nesta entrada falareivos un pouco do sendeirismo e o montañismo.

Veremos que puntos son importantes para planificar un ruta de sendeirismo, como se debe camiñar en montaña, e uns consellos prácticos para este tipo de rutas.

Comezaremos pola planificación dunha ruta de sendeirismo:
  • O primeiro no que debemos pensar é no tempo que temos para facer o recorrido, polo tanto a duración que vai ter a actividade.
  • Convén coñecer previamente o itinerario e as características do mesmo, e inspeccionalo pouco antes de facer a ruta para asegurarnos de que está en boas condicións.
  •  Debemos levar un mapa da zona, polo que será bo ter algún coñecemento sobre cartografía e orientación.
  • Outra información de interese, é a ubicación das zonas de acampada e aloxamento (no caso de necesitalos), e zonas de avituallamento, fontes ou manantiais de auga existentes, servizos de auxilio que teñamos máis preto...
  •  Debemos recordar que facer sendeirismo non é ir dun punto a outro sen máis, se non que se trata de descubrir todo o que o percorrido nos ofrece.
  • Para iniciarse en sendeirismo, o igual que comentábamos co inicio en bicicleta, na entrada anterior, é mellor comezar por un recorrido sinxelo, non moi longo, e co que nos quede gana de volver a realizar esta actividade.


Ben, unha vez vistas estas claves básicas para planificar unha ruta, comentareivos como debemos camiñar en caso de que a ruta se realice en montaña, e que diferenzas ten con camiñar en chan plano, que é o que estamos acostumados:

Camiñar en montaña require un sentido maior do equilibrio que camiñar en plano, polo tanto é importante camiñar a modo. En plano a lonxitude de zancada é máis longa e lixeira que en fortes pendentes, en onde será máis curta e pausada.

A ser posible apoiaremos a planta do pe enteira no chan, so camiñaremos coas puntas dos pes cando teñamos que subir una pendente de 35º ou máis, aproveitando os resaltes, repisas, gretas... As pendentes medias sóbense facendo eses, para que o esforzo sexa menos, e sempre que teñamos camiño é mellor seguilo.

Un ritmo respiratorio acompasado é fundamental, regular a respiración e o paso aforra forzas.
É importante parar a comer algo, antes de sentir sinais de esgotamento.

Para subir, o centro de gravidade do corpo estará o máis lonxe posible da pendente, e no descenso, o corpo nunca de debe inclinar cara atrás, manterase erguido ou un pouco cara adiante, cos pes perpendiculares ao terreno ou ben con todo o pe no mesmo. Os xeonllos irán flexionados nos descensos rápidos, e daremos pasos curtos para evitar perder o control da velocidade.

Se camiñamos en grupo, as persoas menos fortes deberán ir na cabeza da marcha, xusto despois do responsable do grupo.

Debemos levar un ritmo co que non sexa necesario parar cada pouco , alixeirando a marcha do grupo.
E por último, pero non menos importante, veremos uns consellos prácticos para a realización dunha marcha:

  • A marcha debe iniciarse lentamente.
  • Camiñar pola esquerda e en columna en zonas de tráfico rodado.
  • Si é de noite ou hai pouca visibilidade, levar unha luz na cabeza do grupo e outra o final, como mínimo.
  • Evitar a marcha prolongada por camiño asfaltado, sobre todo durante o verán.
  • O responsable do grupo debe ir a cabeza da fila, seguido polas persoas menos resistentes, e por último cerrando o grupo, e importante que coloquemos a outro dos responsables, para asegurarnos de que ninguén se perde e que todo o grupo vaia unido.
  • Nin andando, nin durante os descansos, NUNCA, se debe tirar nada de refugallo o chan, nin aínda que sexa materia orgánica, xa que polas rutas pasa máis xente ca nos, e non sería agradable encontrarse con restos de comida.
  • Os suaves cambios de ritmo na cabeza da fila, son violentos na cola da mesma.
  • As botas deberán estar usadas e suavizadas antes dunha marcha longa.
  • Débense respectar sempre as propiedades privadas. Si unha ruta pasa por unha delas, e existen portas, estas deixaranse como se encontren. E se hai gando, debe ser rodeado e evitarase dar voces nin asustalo.
  • Cada un controla e axuda a persoa de adiante e a de atrás, e se hai algún problema pasarase a voz de alarma ao responsable do grupo.
  • Hai que ter coidado co lume.
  • Preparar ben o equipo a levar segundo a época do ano e a actividade
  • Levar a mochila equilibrada, cargando o peso sobre os ombros, ben suxeito a cintura, envitando cantos, picos, etc. Na zona dorsal.
  • Sempre se debe levar un control do grupo, ao comezar, durante a marcha e nos descansos, xa que alguén se pode despistar nun momento dado.
  • hai.
  • Débense facer as paradas necesarias, pero cortas e en lugares resgardados do vento, a choiva, o forte sol...
  • Subir e baixar pendentes pronunciadas en “zic-zag”.
  • Ter coidado coas baixadas, xa que poden producir fatigas localizadas en xeonllos e nocellos.
  • Nas primeiras paradas débense axustar as botas e a mochila. Tamén se debe engadir ou quitar roupa para ir cómodo.
  • Non se deben permitir disgregacións nin iniciativas individuais durante a actividade.
  • Adaptarse as posibilidades dos máis débiles.
  • É bo levar un plano e un compás.
  • En ningún momento se debe buscar o risco.
  • Levar botiquín e auga abundante.

luns, 14 de abril de 2014

PRIMEIRA RUTA EN BICICLETA

O pasado mércores tivemos a primeira saída en bici, e a pesar de que fomos pouquiños, pasamos unha boa e divertida tarde gozando do deporte e a natureza.



O primeiro foi unha explicación do material básico para unha saída en bici, que sería o seguinte:

  • Casco
  • Guantes
  • Gafas
  • Protección solar
  • Cámara de reposto
  • Parches e desmontables
  • Bomba e multiferramentas
  • Cortaventos
  • Auga e algo de picar
  • Móbil



Logo estivemos practicando os cambios de piñóns, colocamos os piñóns grandes para as costas, os piñóns pequenos para as rectas...

E unha vez absorbida a información básica inicial, puxémonos en marcha. A Ruta foi sinxela, con algunha subida que outra, pero nada do outro mundo (paseo do río Miño, dirección CHamoso).

É importante que para empezar a andar en bici, ou para retomalo hábito, as primeiras rutas sexan de pouco nivel, e sinxeliñas, para acabar cunha sensación boa e gana de volver a practicar este deporte.

Ademais do material básico, tamén aprendimos as estratexias de manexo dun grupo, e fixémolo sobre a marcha, coa práctica, e non cunha clase maxistral aburrida. Estas estratexias das que falo son as seguintes:

  • Para que ninguén do grupo se perda, sempre haberá un técnico ou monitor na cabeza do grupo, encargado de guiar ao mesmo, e outro técnico ou monitor, do final do grupo, pechando este, o cal se asegura de que ninguén quede atrás.
  • É importante, de vez en cando, parar para reagrupar o grupo, xa que sempre se vai abrindo a distancia entre uns e outros, ben pola diferenza de fondo físico, ben por algún contratempo, ou simplemente por que alguén se para a contemplar algo que lle chamou a atención.
  • Estes reagrupamentos realizaranse sobre todo e cruces, onde hai varias posibilidades de seguir a ruta, para asegurarnos de que todo o grupo segue o mesmo camiño.
  • En zonas de transito de xente, merendeiros... é necesario reducir a velocidade para non molestar, e non asustar cun frenazo, ou un roce ao intentar adiantar.
  • Debemos levar sempre un télefono, para poder contactar co resto do grupo, en caso de ser necesario.


A pesar dos glúteos inmensamente doloridos e o cansazo en xeral, foi unha boa tarde, cun sol espléndido, boa compañía, novos contidos metodolóxicos, e moito deporte. Para min a mellor forma de aprender, e asentar os novos contidos a longo prazo.

domingo, 13 de abril de 2014

NATACIÓN: Sesión dende fora da auga

A pasada sesión na piscina, foi a miña primeira sesión dende fora do vaso.

Debido a que o día anterior tiven un corte profundo nunha man que me impedía realizar movementos na mesma, e os que lograba realizar eran con moita dor, non puiden levar a cabo os exercicios correspondentes.

 En vez de estes, o meu labor este día foi analizar os exercicios dos meus compañeiros, corrixilos e axudarlles a mellorar, así como proporcionarlles o material necesario para os exercicios.

O primeiro exercicio foi un recordatorio da sesión anterior, onde practicamos diferentes tipos de propulsións, con diferente material, e diferente usos do mesmo ( propulsión con pernas de crol profundas e superficiais, con pernas de braza, con brazada de crol mirando cara atrás...; propulsións con tabla o largo, o ancho, entre as pernas...)


A miña labor durante este exercicio foi recordarlles aos meus compañeiros os exercicios que realizáramos e mirar si os facían correctamente.

Logo realizaron exercicios de perfeccionamento dos diferentes estilos de natación. Primeiro fixeron exercicios analíticos con axuda de material para facilitar a propulsión e a flotabilidade, e logo realizaron eses mesmos exercicios sen material. Así puidémonos dar conta, tanto eles, experimentándoo, como nos, vendoo,de que en algún exercicio e imprescindible o uso de material auxiliar, xa que de non usalo, o exercicio realizaríase incorrectamente, e sería moi fatigoso.





Pero tamén e importante non abusar de materiais, e dicir, non usalos por usalos, sen ningún fundamento, xa que neste caso, pode que o material en vez de resultar beneficioso, e ser unha axuda, resultaría un lastre, que nos estorbaría.

Outro dos exercicios que realizaron os meus compañeiros foi de resistencia, e aquí puidemos ver que moitos deles non logran regular o esforzo, e necesitan parar antes de completar os largos marcados.

É importante a hora de realizar varios largos seguidos, ir tranquilo, a modo, e regular o esforzo, para non quedar sen folgos antes de completar a tarefa. Isto conséguese con mentalización, relaxación e práctica.


Ver esta sesión dende fora, como espectadora, foi proveitoso para a miña formación, pero ver aos meus compañeiros nadar dábame unha envexa...

domingo, 6 de abril de 2014

TORNEO DE RUGBY SAN CIDRE


 
Despois de moitas sesións de rugbytag e de técnica de rugby, tivemos a oportunidade de participar, algúns como xogadores e outros como espectadores, no torneo de rugby de San Cidre, onde xogadores con experiencia e xogadores noveles se mesturaron para pasar unha mañá agradable e divertida, gozando do ambiente que rodea a este deporte.
O meu papel, neste caso, foi de espectadora, xa que nun principio sentinme algo cohibida, pero canto máis avanzaba a mañá, máis me arrepentía de non haber participado. Encántanme os deportes de contacto, e estou segura de que me houbera divertido moitísimo enchéndome de barro, e correndo de un lado a outro do campo.
De todas formas, a pesar de non xogar, o feito de estar alí, e de empaparnos do espíritu do rugby, de animar aos nosos compañeiros, os cales quedaron en un moi bo posto (segundos), de ver como a pesar dos golpes todos estaban gozando, foi unha experiencia moi positiva e agradable.

Puidemos comprobar, como a pesar de ser un deporte de contacto, no que hai moitos golpes, todos o aceptan como parte do xogo, sen rencores nin mal ambiente, e como, con algunha excepción, rapazas e rapaces xogaron e colaboraron por igual dentro dos equipos, xa que o fin destes partidos, e do torneo en xeral, era divertirse, e dar a coñecer o este deporte aos novos xogadores.

Eduardo, que habitualmente, con nos, ten o papel de mestre, ese día trocou o rol e convertíuse en adestrador, o cal daba indicacións e consellos ao equipo. Aquí puidemos comprobar, como e necesario cambiar a maneira de dirixirse a xente, e de comportarse, dependendo do rol que se asuma, e que, dependendo das circunstancias teremos que asumir un ou outro rol.

En xeral, foi unha boa e proveitosa mañá, a pesar de que me quedara a espiniña de haber xogado.



venres, 4 de abril de 2014

CAMPIONATO ESCOLAR PROVINCIAL DE ORIENTACIÓN- LUGO 2014



O pasado mércores asistimos e colaboramos no campionato escolar provincial de orientación, que se celebrou no Campus Universitario de Lugo. Aquí tivemos a oportunidade de participar dende dentro na organización dun campionato deste tipo. Eduardo contounos como os coordinadores realizaran todo o traballo previo de organización, para que ese día se puidera levar a cabo a actividade o máis correcta posible e sen problemas.

Días antes repartimos as tarefas a realizar, que foron as seguintes:

  • Asistentes de cada colexio. 
Estes encargáronse de recibir aos colexios e de guialos e orientalos, explicándolles o procedemento da proba, a ubicación das instalacións...
  • Encargados da seguridade. 
Estes ocupáronse de que non houbese ningún accidente nin incidente nos puntos perigosos da proba, como son os pasos de cebra.
  • Asistentes na carreira. 
A súa labor era axudar aos nenos que tivesen algún problema durante a competición.
  • Persoal de saída. 
Eran os encargado de axudar a dar as saídas escalonadas,de repartir os mapas e dar unha última e sintética información de como era o procedemento da competición aos nenos e nenas participantes.
  • Persoal de meta. 
Encargados de cronometrar os tempos realizados polos nenos e nenas, e de levar os mapas a zona de clasificacións para que estes comprobasen os resultados.
  • Persoal de clasificación. 
A labor do persoal de clasificación é comprobar que foron encontradas todas as balizas, verificando que todos os mapas están debidamente perforados segundo a pinza correspondente a cada baliza, e informatizar estes resultados para poder sacar unha clasificación que nos desvele en que posto quedou cada participante.


Eu, xunto con dous compañeiros máis (Rocío e Alexis), e dúas rapazas que estaban a realizar as prácticas do Master DAEN ( dirección de actividades educativas na natureza)axudamos a rapaza encargada das clasificacións.

Para axilizar o proceso dividimos as tarefas:

  • Clasificar os mapas sen revisar por categorías (infantil feminino, infantil masculino, cadete feminino e cadete masculino), para facilitarlle a traballo as persoas encargadas de comprobar que todas a perforacións correspondesen a pinza da baliza correcta.
  • Comprobar que os mapas tivesen as perforacións correspondentes a pinza da baliza correcta. Desto ocupámonos dúas persoas, as cales mirabamos o mesmo mapa a vez para evitar erros.
  • Informatizar os resultados.
  • Clasificar os mapas xa revisados e informatizados por colexios.


Eu encargueime, xunto cunha das rapaza do Master, de comprobar que os mapas estivesen correctamente perforados, e xa nos primeiros mapas, dímonos conta de que non era unha tarefa fácil, xa que algún mapa estaba perforado dúas veces na mesma casilla, ou fora da casilla de reserva, ou pouco perforado, ou roto... co cal, no momento que tíñamos algunha dúbida delegábamos a responsabilidade na rapaza coordinadora.
Esta parece unha tarefa moi mecánica e aburrida, pero en realidade pasámolo realmente ben, xa que a compañía foi grata e o tempo pasou voando.

Gustoume moito ver esta proba dende dentro, xa que este verán pretendo ser eu a que a organice para os rapaces  dun campamento que se realizará en plena natureza, por ser esta unha actividade realmente apropiada para fomentar o respecto ao medio ambiente, e para que os rapaces se divirtan e gocen da natureza.