martes, 29 de outubro de 2013

OBSERVANDO E PERFECCIONANDO TÉCNICA DE NATACIÓN





“Dime e esquézoo, ensíname e lémbroo, involúcrame e apréndoo”

Benjamin Franklin



Na última sesión de natación realizamos exercicios de perfeccionamento de técnica e tamén observamos aos nosos compañeiros nadando crol e espalda. 

Perfeccionar a técnica é moi importante, tanto para aprender a nadar correctamente, como para ter interiorizados os movementos correctos e poder transmitirllos e ensinarllos aos nosos alumnos, como futuros técnicos.

Pero ademais de saber nadar correctamente tamén é realmente importante aprender a observar, por iso nesta sesión ademais de nadar tamén vimos como nadan os compañeiros.
Este exercicio de observación ten múltiples beneficios, un deles é que o ser observado polos seus compañeiros o nadador executara a súa mellor técnica, polo que estará a realizar un exercicio de calidade. 

Outro aspecto positivo da observación é a posibilidade de ter varias opinións sobre a nosa maneira de nadar, xa que non so nos está a observar o adestrador ou profesor, se non que nos observaran outros compañeiros, e cantos mais ollos nos miren, e opinións teñamos, máis aprenderemos e máis nos enriqueceremos.

Con relación a isto, é importante ter en conta, como futuros técnicos deportivos, que unha segunda opinión sempre é positiva. O que pretendo transmitir é que a hora de exercer de adestradores ou de mestres, e ter ao noso cargo a un grupo de alumnos/as, e positivo, tanto para eles como para nos, contar coa opinión doutro compañeiro de profesión, con relación tanto a nosa maneira de traballar como a execución da técnica dos nosos alumnos/as.

O exercicio de observación no noso caso, como futuros técnicos e como aprendices, non so ten connotacións positivas para a persoa que nada, se non que tamén é beneficioso para a persoa que observa, a cal está aprendendo dos seus compañeiros, vendo diferentes formas de nadar, e ademais aprende a observar e a corrixir adecuadamente.

Con relación a esta corrección é importante ter en conta que non so debemos dicirlle ao noso alumnado os aspectos a mellorar, se non que primeiro hai que motivalos dicíndolles os aspectos positivos da súa execución, para logo introducir un por un os aspectos a mellorar. E así o fixemos hoxe a hora de corrixir a técnica de crol do noso compañeiro.

Seguindo co tema da observación, é importante tamén que cando observemos a técnica dunha persoa esta non estea fatigada, xa que diminúe a coordinación, a forza, a concentración..., e polo tanto a calidade técnica desa persoa diminuiría. Para que isto non pasase, nos exercicios de observación que realizamos en clase en vez de nadar todo o largo seguido, nadabamos medio largo e descansabamos para logo continuar. 

Despois de ver os anteriores aspectos metodolóxicos pasarei a relatar os exercicios técnicos realizados na sesión.

Comezamos como todos os luns repasando a patada de braza, nadando medio largo a braza con atención a patada e medio largo a espalda con brazadas continuas e rápidas (molinillo) para descansar de braza e practicar tamén este estilo.

Se recordades había un grupo ao que aínda lle custaba realizar esta patada e que estaba a traballar por separado para lograr a súa execución. Este grupo realizaba o xesto da patada (nocello en flexión, coa pantorrilla en tensión ata a interiorización do movemento), unhas cinco veces, e nadaba un tramo curto, para repetir a operación, e ir aprendendo o xesto. Pois ben, este grupo xa esta case baleiro e todos temos aprendido o xesto, malia que a algúns nos custe algo máis interiorizalo.

Nesta sesión eu tiven que volver ao grupo do que vos falaba xa que Eduardo na pasada sesión deuse conta de que algo non estaba correcto na miña execución técnica. Pero so tiven que estar uns minutos para recordar o xesto. Eduardo avisoume de que o problema estaba no pe esquerdo, eu dinme conta e corrixino, polo que puiden volver ao outro grupo, xa que a tarefa de interiorizalo e asumilo era cousa miña, e so se consegue con práctica.

É importante, e Eduardo sempre nolo recorda, que unha vez aprendido o xesto ninguén de nin unha sola patada mal, para non mal acostumarnos. Se vemos que non realizamos ben o xesto técnico e preferible parar, recolocarnos e volver a comezar.

Despois deste exercicio collemos as aletas e realizamos os exercicios de técnica de espalda que realizáramos a sesión pasada. 

  • Nadar de espaldas levando o ombro ao queixelo alternativamente e esaxerando o xesto para conseguir un bo rolido.
  • Nadar de espaldas igual que antes pero incluindo a acción dun dos brazos medio largo e do outro brazo o outro medio largo.
  • Nadar un largo igual que antes pero cos dous brazos alternativos.
  • Xa sen aletas, e para nadar xa de forma máis natural, nadamos medio largo de espaldas con movemento continuo de brazos e rematamos o largo nadando a braza atendendo a patada.
Ademais de practicar espalda tamén practicamos a respiración de crol realizando os exercicios que xa coñecemos segundo as dificultades a a progresión persoal. Para ver estes exercicios podedes visitar as entradas anteriores sobre natacion.

Para finalizar, ademais dos exercicios de observación que mencionei anteriormente realizamos 3 zambullidas.

luns, 28 de outubro de 2013

BENEFICIOS DO DEPORTE EN NENOS/AS E DO EXERCICIO FÍSICO EN MAIORES



Esta entrada irá dedicada aos beneficios do deporte para os nenos e nenas e o exercicio físico para as persoas maiores. Creo que é interesante que todo o mundo coñeza estes beneficios para que comecen a activar o seu corpo e non teñan unha vida sedentaria.

Beneficios do deporte para os nenos


  •  Introduce ao neno na sociedade

  •  Ensínalle a seguir regras
  • Axúdalle a abrirse aos demais e superar a timidez
  •  Frea os impulsos excesivos
  •  Fomenta no neno a necesidade de colaborar por enriba do individualismo
  • Faille recoñecer, aceptar e respectar que existe alguén que sabe máis que el.
  • Mellora a coordinación xeral
  • Aumenta as súas posibilidades motoras
  • Favorece o crecemento dos osos e os músculos
  •  Pode corrixir posibles defectos físicos
  •  Potencia a creación e regularización de hábitos
  • Desenvolve o pracer polo movemento e o exercicio
  • Estimula a hixiene e a saúde
  • Ensínalle a ter certas responsabilidades

Beneficios do exercicio físico nas persoas maiores

  • Reduce a incidencia de todas as enfermidades cardiovasculares en xeral, mediante a diminución e prevencións dos factores de risco asociados.
  • Axuda a manter un balance nutricional e metabólico máis adecuado, reducindo o risco de
    síndrome metabólico.
  • Retrasa a resistencia a insulina asociada co envellecemento polo que a incidencia de obesidade e diabetes tipo II neste grupo da poboación redúcese.
  •  Reduce a perda mineral ósea, ao potenciar a actividade hormonal osteoblástica e o proceso de remodelación ósea.
  •  Reduce o risco de sufrir fracturas.
  • Favorece o fortalecemento muscular, o que afecta directamente a funcionalidade física do individuo.
  • Redúcese o risco de caídas, especialmente mediante o fortalecemento muscular e a mellora do equilibrio, coordinación e axilidade.
  • Reforza o sistema inmune do maior.
  • Reduce a incidencia de algúns tipos de cancro, especialmente os de mama, colon e páncreas.
  • É unha ferramenta eficaz para controlar a fatiga subxacente no proceso de recuperación do cancro.
  •  Reduce a dor musculoesquelética asociada ao envellecemento.
  • Protexe fronte a osteoartritis.
  • Principalmente como consecuencia paralela das melloras vasculares ocasionadas polo exercicio aeróbico, mellora a función eréctil do maior e favorece unha mellor resposta sexual.
  • Incrementa e conserva a función cognitiva.
  • Protexe fronte o risco de desenvolver demencia ou Alzheimer.
  • Produce un incremento da funcionalidade física como consecuencia, favorece unha mellora da autoeficiencia e autoestima.
  • Diminúe a prevalencia de depresión, ansiedade e outras enfermidades mentais.
  •  Favorece a cohesión e integración social da persoa maior.

domingo, 27 de outubro de 2013

ENTRENAMOS NAS PISTAS: Quecemento e carreira de relevos



“Non se fracasa ata que non se deixa de intentar”

Florence Griffith

Na pasada práctica de atletismo Eduardo díxonos as actividades que quería que traballáramos no quecemento e deixounos liberdade a hora de organizalo en grupos.

As actividades a realizar eran: 5 minutos de mobilidade corporal xeral (tronco superior e inferior), e 10 minutos de drills de carreira e drills de vallas.



Cada grupo escolleu unha organización diferente e uns exercicios diferentes, pero todos igual de válidos e bos. O único fallo salientable foi que houbo grupos que fixeron unha volta a pista de trote, e se so temos 5 minutos para o quecemento xeral non se pode usalos so para trota, necesítase realizar exercicios máis variados.

É importante a hora de adestrar a un individuo ou a un grupo de individuos deixarlles certa liberdade, como fixo Eduardo en este caso. Debemos deixar unha certa autonomía, deixar que se tomen decisións, xa que iso estimula a creatividade, fai que non se faga monótonas e aburridas as sesións e axuda a hora da competición, xa que cando unha persoa compite ten que toman decisións rápidas, sen contar con ninguén máis.

Unha vez activado o organismo e preparados para comezar, usando os mesmos grupos traballamos a carreira de relevos. 

Para comezar, coas diferentes zonas de relevos marcadas a unha escala máis pequena que na realidade, practicamos por parellas o pase de testigo. Aquí fixámonos en non mirar cara atrás a hora de recibir o testigo, en non estender o brazo antes de que nos deran a sinal, en entregar o testigo na zona adecuada, e en axustar a saída para que o pase do testigo se faga a máxima velocidade posible.

Unha vez practicado pasamos a realizar unha pequena competición. Dela cabe destacar que, malia que a miña compañeira e eu fixemos mellor o pase de testigo na competición que no adestramento, isto non é algo habitual, e a maioría de compañeiros, debido ao estres da competición e aos nervios, malia que era unha competición amistosa entre nos, realizaron o pase con moitas dificultades, e peor que no adestramento.

De aquí é importante que teñamos en conta a hora de exercer de adestradores é de técnicos deportivos, que non debemos levar aos nenos e nenas a competir antes de que estean preparados para elo, e a preparación non é soamente física se non tamén psicolóxica.

Para rematar deixo aquí uns vídeo sobre a técnica de paso de testigo en relevos:

Transferencia de testigo

 Transferencia de testigo en 4x100

 Transferencia de testigo en 4x400