martes, 29 de outubro de 2013

OBSERVANDO E PERFECCIONANDO TÉCNICA DE NATACIÓN





“Dime e esquézoo, ensíname e lémbroo, involúcrame e apréndoo”

Benjamin Franklin



Na última sesión de natación realizamos exercicios de perfeccionamento de técnica e tamén observamos aos nosos compañeiros nadando crol e espalda. 

Perfeccionar a técnica é moi importante, tanto para aprender a nadar correctamente, como para ter interiorizados os movementos correctos e poder transmitirllos e ensinarllos aos nosos alumnos, como futuros técnicos.

Pero ademais de saber nadar correctamente tamén é realmente importante aprender a observar, por iso nesta sesión ademais de nadar tamén vimos como nadan os compañeiros.
Este exercicio de observación ten múltiples beneficios, un deles é que o ser observado polos seus compañeiros o nadador executara a súa mellor técnica, polo que estará a realizar un exercicio de calidade. 

Outro aspecto positivo da observación é a posibilidade de ter varias opinións sobre a nosa maneira de nadar, xa que non so nos está a observar o adestrador ou profesor, se non que nos observaran outros compañeiros, e cantos mais ollos nos miren, e opinións teñamos, máis aprenderemos e máis nos enriqueceremos.

Con relación a isto, é importante ter en conta, como futuros técnicos deportivos, que unha segunda opinión sempre é positiva. O que pretendo transmitir é que a hora de exercer de adestradores ou de mestres, e ter ao noso cargo a un grupo de alumnos/as, e positivo, tanto para eles como para nos, contar coa opinión doutro compañeiro de profesión, con relación tanto a nosa maneira de traballar como a execución da técnica dos nosos alumnos/as.

O exercicio de observación no noso caso, como futuros técnicos e como aprendices, non so ten connotacións positivas para a persoa que nada, se non que tamén é beneficioso para a persoa que observa, a cal está aprendendo dos seus compañeiros, vendo diferentes formas de nadar, e ademais aprende a observar e a corrixir adecuadamente.

Con relación a esta corrección é importante ter en conta que non so debemos dicirlle ao noso alumnado os aspectos a mellorar, se non que primeiro hai que motivalos dicíndolles os aspectos positivos da súa execución, para logo introducir un por un os aspectos a mellorar. E así o fixemos hoxe a hora de corrixir a técnica de crol do noso compañeiro.

Seguindo co tema da observación, é importante tamén que cando observemos a técnica dunha persoa esta non estea fatigada, xa que diminúe a coordinación, a forza, a concentración..., e polo tanto a calidade técnica desa persoa diminuiría. Para que isto non pasase, nos exercicios de observación que realizamos en clase en vez de nadar todo o largo seguido, nadabamos medio largo e descansabamos para logo continuar. 

Despois de ver os anteriores aspectos metodolóxicos pasarei a relatar os exercicios técnicos realizados na sesión.

Comezamos como todos os luns repasando a patada de braza, nadando medio largo a braza con atención a patada e medio largo a espalda con brazadas continuas e rápidas (molinillo) para descansar de braza e practicar tamén este estilo.

Se recordades había un grupo ao que aínda lle custaba realizar esta patada e que estaba a traballar por separado para lograr a súa execución. Este grupo realizaba o xesto da patada (nocello en flexión, coa pantorrilla en tensión ata a interiorización do movemento), unhas cinco veces, e nadaba un tramo curto, para repetir a operación, e ir aprendendo o xesto. Pois ben, este grupo xa esta case baleiro e todos temos aprendido o xesto, malia que a algúns nos custe algo máis interiorizalo.

Nesta sesión eu tiven que volver ao grupo do que vos falaba xa que Eduardo na pasada sesión deuse conta de que algo non estaba correcto na miña execución técnica. Pero so tiven que estar uns minutos para recordar o xesto. Eduardo avisoume de que o problema estaba no pe esquerdo, eu dinme conta e corrixino, polo que puiden volver ao outro grupo, xa que a tarefa de interiorizalo e asumilo era cousa miña, e so se consegue con práctica.

É importante, e Eduardo sempre nolo recorda, que unha vez aprendido o xesto ninguén de nin unha sola patada mal, para non mal acostumarnos. Se vemos que non realizamos ben o xesto técnico e preferible parar, recolocarnos e volver a comezar.

Despois deste exercicio collemos as aletas e realizamos os exercicios de técnica de espalda que realizáramos a sesión pasada. 

  • Nadar de espaldas levando o ombro ao queixelo alternativamente e esaxerando o xesto para conseguir un bo rolido.
  • Nadar de espaldas igual que antes pero incluindo a acción dun dos brazos medio largo e do outro brazo o outro medio largo.
  • Nadar un largo igual que antes pero cos dous brazos alternativos.
  • Xa sen aletas, e para nadar xa de forma máis natural, nadamos medio largo de espaldas con movemento continuo de brazos e rematamos o largo nadando a braza atendendo a patada.
Ademais de practicar espalda tamén practicamos a respiración de crol realizando os exercicios que xa coñecemos segundo as dificultades a a progresión persoal. Para ver estes exercicios podedes visitar as entradas anteriores sobre natacion.

Para finalizar, ademais dos exercicios de observación que mencionei anteriormente realizamos 3 zambullidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario