domingo, 6 de outubro de 2013

APRENDENDO TÉCNICA DE NATACIÓN E ENSINANZA



“Si o 70% do meu corpo é auga so o 30% terá que nadar


O luns estivemos na piscina e comezamos a aprender algo de técnica. O primeiro estilo foi a braza e Eduardo ensinounos unha maneira de traballar con colectivos que non teñen o mesmo nivel, e fíxoo dividíndonos en dous grupos. 



O grupo que máis ou menos tíñamos asimilada a técnica de pernas traballamos con Juan, pero poderíamos tamén estar traballando sos (non é necesario que haxa dous mestres para poder realizar as tarefas, pero axuda), e a nosa tarefa consistía en nadar medio largo a braza fixándonos na posición das pernas e dos pes e a outra metade no estilo que nos sentíramos máis cómodos para relaxar un pouco antes de volver a braza. 


O outro grupo traballou con Eduardo e estiveron aprendendo o movemento de pernas do estilo de braza, e para elo traballaron tanto dentro como fora da auga. A súa vez, as persoas que ían entendendo como era esa posición pasaban a outro grupo no que o fin era a súa asimilación e mecanización.


Esta división en grupos permite que unha soa persoa poda traballar con grupos grandes de diferentes niveis, sen que ninguén quede desatendido.


A Juan estivéronlle axudando dúas compañeiras nosas, as cales nos miraban e analizaban, e a vez aprendían. Non sei porque non realizaron a práctica, pero o feito de que nos estiveran vendo e analizando e unha boa estratexia para que malia que non se mergullaron aprenderan e aproveitaran a sesión. 


Esta tarefa durou uns 15 minutos, xa que se unha persoa está aprendendo, por moito tempo que pasemos intentando introducirlle na cabeza unha técnica, despois de que pasa un certo tempo xa non é capaz de mellorar notablemente. E mellor cambiar de actividade e deixar esa para outro momento.


Seguimos a práctica co estilo espalda, e como este foi o único estilo que non analizamos na clase mediante vídeos, a tarefa foi analizar os nosos compañeiros en directo. A nosa misión era, en grupos reducidos e dende varias posicións, analizar as diferentes partes do estilo espalda ( tracción, recobro, movemento de pernas, coordinación, respiración, e coordinación de respiración co movemento). Cada tres metros máis ou menos fixámonos nunha parte concreta e comentamos co resto do grupo o que viamos, e logo cambiábase a persoa para ver as diferenzas entre uns e outros. 


Malia que o principio o facíamos coa intención de axudar, a práctica non consistía en corrixir aos nosos compañeiros, xa que aínda non temos os suficientes coñecementos, se non que se trataba de aprender a observar, analizar e ver as diferenzas entre nadadores.


Por último tocoulle ao Crol, e en concreto ao control da respiración. A finalidade era aprender a respirar coordinando a propia respiración co rolido e o movemento de brazos. E importante que se aprenda a respirar polos dous lados para que non haxa unha descompensación tanto física como na técnica.


 Nesta ocasión non houbo división física, pero si de tarefas, sendo esta outra maneira de traballar con grupos de diferentes niveis, sen que ninguén estea parado ou traballando nun nivel por enriba ou por debaixo do propicio.


Todos traballamos a respiración nadando a Crol, e fixémolo con aletas para que fose máis fácil e nos centrásemos unicamente na respiración e a súa coordinación co movemento. Pero cada un fíxoo cunha tarefa diferente de acordo coas súas posibilidades. 


As persoas que eran capaces de respirar pola dereita e pola esquerda fixeron largos respirando metade da piscina por un lado e a outra metade polo outro. Os que so lograban respirar por un dos lados nadaron respirando 2 ou tres veces polo lado malo e o resto do largo polo bo para ir interiorizando a respiración pouco a pouco. E por último, as persoas que non eran capaces de coordinar a respiración cara ningún dos lados nadaron coa cabeza mergullada ata que se viran preparados para sacala unha ou dúas respiracións polo lado be e pararían a actividade para retomala novamente en plenas facultades.


Cada un traballou nun nivel diferente, pero todos melloramos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario